Mozos e mozas que integran o Consello da Infancia e da Adolescencia do Porriño participarán ao longo do mes de setembro en diferentes grupos focais que traballaran nunha avaliación sobre o grao de cumprimento da Convención dos Dereitos do Neno por parte das institucións do noso país.Segundo informan a Oficina Municipal de Información á Xuventude, OMIX do Porriño e a Concellería de Educación, os representantes porriñeses abordarán temas de igualdade de xénero, violencia, educación, saúde e benestar, a través do traballo de debate nos grupos de participación. Os rapaces e rapazas porriñesas participarán na elaboración dun informe sobre diversos asuntos de actualidade que entregarán ao Comité de Dereitos dos Nenos, Nenas e Adolescentes. Coas conclusións e propostas, os grupos focais, compostos a súa vez por nenas e nenos de todo o país, elaborarán o informe final para o Comité dos Dereitos do Neno. Este informe serviralle ao Comité para avaliar se o estado español está a facer todo o posible para respectar a Convención dos Dereitos do Neno da que forma parte.
O Concello do Porriño acomete a mellora do firme de rodadura no Camiño Veciñal de Casal de Vello, en Torneiros, segundo o proxecto en execución que desenvolve a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira. Está obra adxudicouse a COVSA e esta financiada ao amparo do PLAN MARCO da Consellería de Medio Rural. Dispón dun orzamento total de 58.729 euros (IVE incluído). A empresa construtora realizou tarefas previas de limpeza e comezará a asfaltar a partires do 1 de setembro. Os traballos mellorarán unha lonxitude de preto de 850 metros do devandito camiño veciñal.
"Trivium Porriño" será un xogo xigante similar ao "Trivial" pero personalizado na nosa vila para por a proba o grao de coñecemento que os participantes teñen sobre Porriño. Trátase dunha nova proposta de lecer que fai a Concellería que dirixe Cami Moreira, que se desenvolverá durante as Festas do Cristo e presentouse hoxe en roda de prensa na Biblioteca Municipal.
A equipa feminina de ciclismo elite do club porriñés "La Sal Cocinas Louriña Cycling Team" vén de recibir a invitación dos organizadores da Volta Ciclista a Portugal para participar na ronda lusitana que comezará o vindeiro 1 de setembro coa presentación dos participantes en Lisboa. A equipa feminina porriñesa competirá xunto cos mellores clubs profesionais e de elite de España, Portugal e do resto de Europa. "Recibir esta invitación ao club que preside Juan Alvarez Cerdeira, supón un recoñecemento á labor que están a realizar co apoio de patrocinadores privados e públicos, entre os que destaca o Concello do Porriño que é o principal sponsor institucional cun contrato de patrocinio de 15.000 € anuais máis outras achegas por organización de probas deportivas", manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes. Para o concelleiro "esta invitación á equipa feminina do 'La Sal Cocinas Louriña' evidencia que a política de apoio, particularmente ao deporte feminino que levamos a cabo dende o goberno municipal que preside Eva García acada resultados", manifestou Alonso Bargiela.
A alcaldesa Eva Garcia eloxiou ao Festival de Cans como "distintivo da identidade do Porriño, é de todos nós" e como sinal desa condición referiu o recente acordo unánime da corporación municipal que decidiu dobrar a achega que o Concello outorga para a organización deste evento. Concretamente de 20.000 a 40.000 euros que recibe neste ano.
Preto dun milleiro de persoas foron atendidas no punto de información habilitado polo Concello en colaboración co ORAL e o Catastro para atender as consultas da veciñanza sobre a actualización de parcelas. A atención ao público centralizouse no salón de sesións da casa consistorial e funcionou mediante cita previa. Abriu o luns 19 de xullo e rematou onte martes 17 de agosto. Segundo informa o persoal que atendeu á veciñanza, do total de persoas atendidas, 76 interpuxeron recurso. A meirande parte por non ser titulares das fincas ou por non figurar correctamente a configuración. Agás 4 veciños que recorreron por considerar excesivo o incremento da valoración catastral. A Xerencia do Catastro notificou unha actualización da cualificación de parcelas feita en aplicación da lexislación vixente que afecta a 17.400 propiedades no concello do Porriño. Trátase dunha revisión de valores que renova o anterior padrón que databa de 1985. Esta revisión tamén terá como referencia os valores catastrais de 1985 aos efectos dos recibos do IBI.Ante o gran número de afectados , a alcaldesa Eva García xestionou coa Xerencia do Catastro e do Organismo de Recadación da Administración Local (ORAL) para que dispuxeran este punto de información para aclarar dúbidas é consultas que se prolongou por cinco semanas pola demanda de aclaracións.
A alcaldesa do Porriño, Eva García e a concelleira de Cultura, Cami Moreira presentaron hoxe a segunda edición do Festival “Sons da Canteira” que terá lugar o sábado 28 de agosto. A canteira en restauración de Vilafría, en Atios volverá ser o anfiteatro natural onde se celebrará este evento promovido polo Concello do Porriño e organizado pola productora “Doppler Xestión Cultural”.
A alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso realizaron hoxe a presentación da primeira edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa “Concello do Porriño”. Tamén asistiu José Luis Cabaleiro, presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural onde se realizou a presentación. A alcaldesa felicitou aos organizadores "por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos" e garantiu que será un torneo "que vai ter continuidade nos vindeiros anos", manifestou Eva Garcia que reivindicou que "O Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole" que se organizan no noso concello, rematou a alcaldesa.
O Porriño é un dos concellos da área de Vigo que se atopa en nivel alto de restricións e como consecuencia a hostalería do municipio tan só poderá traballar co 30% do aforamento no interior dos locais a partires das 00:00 deste martes 17.
O vindeiro martes 17, ás 11 horas, terá lugar a presentación da segunda edición do Festival "Sons da Canteira", organizado polo Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura e Festexos.
A vindeira semana será presentada a primeira edición do "Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño" que terá lugar os días 21 e 22 de agosto no Polideportivo Municipal , segundo anuncia a Concellería de Deportes que dirixe David Alonso. Neste evento internacional agardase a participación de 240 deportistas de clubs de tenis de mesa de toda Galicia, doutras comunidades autónomas e de Portugal.
Desde esta mañá, no primeiro andar do edificio do Centro Cívico Municipal, está a funcionar un punto de tramitación e recollida de acreditacións de vacinación para a veciñanza de O Porriño. Trátase dunha colaboración que presta o Concello, a petición da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, que solicitou a cooperación municipal cedendo un local onde establecer esta oficina. É atendida por persoal contratado polo Sergas (Servizo Galego de Saúde). Non é precisa cita previa e atenden desde as 8:00 ata as 15:00. A oficina estará operativa, en principio, ata o martes 31 de agosto. Os veciños e veciñas do Porriño que acudan a esta oficina deben levar a tarxeta sanitaria e o DNI para solicitar a acreditación de estar vacinados contra a Covid, documento ben impreso, ben en código QR, que se lles esixe actualmente para acceder ao interior dos locais de hostalería. O Porriño permanece desde a semana pasada en nivel de restricións alto e continuará unha semana máis, segundo anunciou onte o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.