Mosende
Mosende está situado entre as parroquias de Chenlo e Pontellas. Nos dous ríos que o atravesan houbo de sempre gran número de muíños de auga, e das moas ou mos do muíño deriva o nome da parroquia.
A igrexa parroquial de San Xurxo foi construída entre os anos 1792 e 1794. Trátase dun fermosísimo edificio que asume os presupostos máis salientables do barroco.
Detrás da igrexa comeza o percorrido do viacrucis, composto por 14 cruces, e no que podemos admirar o peto de ánimas de Madorras, o mellor conservado do concello.
Dispersas pola parroquia atópanse outras cruces de interese, como as do Adro, Falcato, Ruela e Folón.
No barrio das Madorras atópase tamén a capela de San Diego, santo que durante séculos espertou unha gran devoción en todo o sur da provincia, debido ás facultades milagreiras que se lle adxudican.
A capela ergueuse a finais do século XVI ou principios do XVII, na honra dun peregrino chamado Don Diego, que morreu naquel lugar e ao que logo se lle adxudicaron unha serie de milagres.

No alto dun outeiro érguese o pazo de Falcato. O edificio do século XVII repite a forma típica dos pazos rurais de época barroca en Galicia: ten dous andares e dúas saíntes, formando unha planta en forma de “U”. Nos muros do pazo pódese ver o enorme escudo dos fundadores da familia.
Barrios: O Barbeito, O Caeiro, O Casal, A Cavadiña, A Costeira, A Devesa, O Falcao, Figueiras , O Folón, A Levada , As Madorras, O Monte, O Regueiro e A Ruela.
Advocación: San Xurxo
Festas polulares:
San Diego, primeiro domingo de xuño.
Santa Leocadia, primeiro domingo de xullo.