A Concellería de Servizos Sociais que dirixe David Alonso ven de realizar un balance das actuacións deste departamento dende que comezou a pandemia. O informe ofrece datos espectaculares como a cantidade de alimentos repartidos entre familias en risco de exclusión social. Un millón de quilos de produtos non perecedoiros e conxelados distribuídos a través do Banco de Alimentos SÓS Porriño, coa colaboración de voluntarios, Protección Civil e Policía Local. A metade dese millón de quilos de produtos, repartidos ao longo dos quince meses transcorridos, proceden de doazóns de empresas de Porriño e da contorna, e o resto das achegas realizadas polo Concello con fondos propios. Nos peores momentos da pandemia, esa axuda alimentaria alcanzou a 500 familias do Porriño. Actualmente tan só é precisa para 160 familias, segundo informou David Alonso.
A empresa "Distribucións Rivas" fixo entrega hoxe ao Concello do Porriño dunha doazón de 33.600 máscaras cirúrxicas e 270.000 unidades de luvas desbotables. O material de protección doado por "Dis Rivas" será repartido, a través da Policía Local entre os establecementos de hostalería e usuarios de Servizos Sociais e do Banco de Alimentos "SOS Porriño".
O Concello do Porriño cederá un dos locais da Unidade Asistencial de Drodependencias para a celebración de reunións da escola de familias do programa "Achega" da Asociación "DOA Saúde Mental". Trátase dunha actividade subvencionada pola Xunta de Galicia. Esta acción informativa e formativa de psicoeducación está destinada a aquelas familias que teñen algún membro cun trastorno mental grave ou una enfermidade mental crónica diagnosticada. Mañá venres haberá unha primeira reunión do grupo psicoeducativo para familias e achegados para saber máis das enfermidades mentais, o seu manexo e como mellorar a xestión de certas situacións. Os interesados poden contactar a través de número de teléfono e Whatsapp 664 64 93 07 ou a través de correo electrónico no enderezo jessica.gonzalez@asodoa.org
A empresa que vai xestionar a futura escola infantil no Polígono Industrial A Granxa dispón de licenza municipal do Concello do Porriño para executar as obras de acondicionamento do local cedido pola Zona Franca. O espazo ten una superficie de 448 metros cadrados e o orzamento estimado das obras é de algo máis de 55.000 euros.
A Concellería de Cultura informa que está aberto, aínda, ata o xoves 22 de abril o prazo de inscrición para asistir á proxección da película "Capitáns de abril", programada para o vindeiro venres 23, ás 19 horas, no Centro Cultural Municipal. Estableceuse polo protocolos anti-Covid, un aforamento limitado de 50 persoas.
A concelleira de Igualdade, Cami Moreira asistiu esta mañá ao IES Ribeira do Louro onde estaba a desenvolverse unha das sesións do obradoiro sobre educación afectivo-sexual para adolescentes. Impártese en horario lectivo para alumnado dos centros de ensino secundario do Porriño ao longo desta segunda quincena do mes de abril. Trátase dunha actividade concertada co Ministerio de Igualdade do Goberno de España e ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
David Regades, delegado do consorcio Zona Franca entregou este mediodía, en presenza da alcaldesa, Eva Garcia, as chaves do local que acollerá a futura gardería infantil dos polígonos industriais da Granxa e das Gándaras.
O Día Internacional da Muller é unha data que se celebra en moitos países do mundo. Cando as mulleres de todos os continentes, a miúdo separadas por fronteiras nacionais e diferenzas étnicas, lingüísticas, culturais, económicas e políticas, únense para celebrar o seu día, poden contemplar unha tradición de non menos de noventa anos de loita en prol da igualdade, a xustiza, a paz e o desenvolvemento.
Todo o persoal da Policía Local do Porriño vacinarase contra o Covid. En total 23 persoas. A relación xa se enviou ao Servizo Galego de Saúde, a través da FEGAMP que media a xestión e que notificou á Concellería de Seguridade que o persoal policial vacinarase a partir do 5 de marzo.
O persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias (U.A.D) do Concello do Porriño informa que acudiu hoxe ao Hospital Alvaro Cunqueiro para vacinarse coa primeira dose do inxectable de "Pfizer". Os cinco traballadores da unidade municipal deberán recibir o 16 de de marzo, a segunda dose para a súa plena inmunización.
O Porriño trasladoulle á Consellería de Política Social "a urxente necesidade" de que a Xunta de Galicia amplíe a súa participación para sufragar os gastos do SAF (Servizo de Axuda no Fogar).
Pedro Pereira, como alcalde accidental, asinou co coronel Simón Venzal, xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, e en presenza de Maica Larriba, subdelegada do Goberno na provincia, a renovación da adhesión do Concello do Porriño a o protocolo "Vioxén". Trátase do programa de vixilancia e protección integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero. O protocolo establece a colaboración entre a Policía Local do Porriño e as outras forzas e corpos de seguridade do Estado.