A Biblioteca Municipal do Porriño presenta un extenso programa anual de actividades con especial importancia da 'Animación á Lectura' e 'Aprendizaxe Cidadá'

Ao longo do 2019 a Biblioteca

Municipal do Porriño, que depende directamente da Alcaldía, desenvolverá un

amplo programa de actividades gratuítas relacionadas coa “aprendizaxe

permanente”.

A alcaldesa, Eva García de la

Torre, subliña que “trátase de accións formativas non académicas que teñen como

obxectivo o desenvolvemento do cidadán no plano laboral, social e persoal”.

García de la Torre sinala que  “cada vez

hai máis persoas con inquietudes de aprendizaxe permanente, e a Biblioteca

Municipal do Porriño tentará responder durante este ano a estas inquietudes cun

complto programa de actividades”.

Alfabetización

dixital,inglés, linguaxe de sinais…

Desta forma están programados

cursos de alfabetización dixital para maiores, grupos de conversación en inglés

de varios niveis, cursos de lingua de signos, cursos de español para

inmigrantes, de ferramentas de Google, obradoiros de cociña sen glute, cursos

para aprender a falar en público, club de lectura, un wiki-maratón, ou unha

intensa colaboración cos centros de ensino do Porriño que se traduce en visitas

escolares á biblioteca con formación no uso da mesma, charlas para a “busca,

selección e uso de información en internet” ou obradoiros de ciencia para

escolares.

Animación

Infantil á Lectura

Ademais desta intensa

programación relacionada coa aprendizaxe, a Biblioteca Municipal do Porriño

tamén ten presentado o seu programa de animación infantil á lectura para o

2019, que recibe o nome de “A Contateca”. Unha programación que ofrece ata

trinta actuacións ao longo do ano, converténdose nunha das máis variadas e

extensas das bibliotecas galegas.

Dende este mes, todos os xoves

ás 18:00 horas celebrarase unha actividade de animación distinta na biblioteca

porriñesa. Haberá contacontos en galego e inglés, obradoiros para toda a

familia, talleres participativos, actuacións con kamishibai e libros pop-up,

etc.

A biblioteca destaca a gran

variedade da proposta, toda articulada ao redor do libro e da lectura, pero na

que se tratarán ademais temas como a intelixencia emocional, as tradicións

populares, a igualdade de xénero, a concienciación mediambiental ou o bullying.

A programación da ‘Contateca’ está pensada para familias e público infantil, de

0 a 12 anos de idade, destacando a realización de numerosas actividades

pensadas especificamente para bebés.

Aposta

pola innovación e compromiso

Con esta programación, salienta

a alcaldesa,  biblioteca do Concello do

Porriño redobra a súa aposta pola animación á lectura e o traballo cos veciños

e veciñas, coa “intención de afianzarse como un servizo público innovador e

comprometido coa súa comunidade”.

…de

novo ‘Premio María Moliner’

Eva García de la Torre subliña

que por este labor “a nosa Biblioteca Municipal vén de ser  recoñecida, de novo, nos Premios María

Moliner de Animación á Lectura convocados polo Ministerio de Cultura e a FEMP,

como unha das 350 mellores bibliotecas do Estado”. Unha distinción que a

biblioteca porriñesa leva conseguido “¡nada menos que 14 veces!” entre os anos

2002 e 2018.