Xornada informativa coas asociacións no Porriño para explicar as subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026

As asociacións poderían recibir axudas de ata 10.000 euros para financiar os seus investimentos en infraestrutura, equipamento ou obras

O Porriño, 21 de xaneiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrou unha reunión informativa dirixida ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio co obxectivo de dar a coñecer en detalle a convocatoria de subvencións do Plan Provincia Comunitaria 2026, impulsada pola Deputación de Pontevedra. Durante esta xornada expuxéronse os requisitos e o procedemento a seguir para a solicitude destas axudas; lembrouse ademais a documentación necesaria para poder levar a cabo todos os trámites relativos á iniciativa.

Durante o encontro, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, explicou ás entidades asistentes as características da convocatoria, que permite acceder a subvencións de ata 10.000 euros por entidade, cun importe mínimo de 6.000 euros, podendo cubrir ata o 100 % do investimento presentado. Así mesmo, informouse de que o prazo para a presentación de solicitudes xa está aberto e remata o vindeiro 1 de abril de 2026, animando ás asociacións a iniciar canto antes a preparación da documentación necesaria.

Neste encontro detallouse tamén que a convocatoria está dirixida a asociacións de veciños, federacións, confederacións ou unións de asociacións veciñais, así como a asociacións de mulleres rurais, sempre que estean legalmente constituídas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas están destinadas exclusivamente a investimentos, incluíndo actuacións como obras de mellora de locais sociais, a mellora ou creación de infraestruturas, equipamentos e espazos destinados á actividade das entidades, así como a adquisición de mobiliario e equipamento informático, audiovisual ou específico para o desenvolvemento das súas actividades. Tamén se aclarou que son subvencionables determinados gastos vinculados á tramitación da subvención, ás taxas e licenzas necesarias e aos traballos previos de desbroce ou limpeza cando formen parte dunha obra.

No acto aclarouse ademais que será requisito indispensable que a entidade solicitante sexa titular ou conte cun dereito de uso mínimo de cinco anos sobre os inmobles ou terreos nos que se vaian executar os investimentos.

O alcalde sinalou a importancia deste tipo de encontros para acompañar e asesorar ás asociacións locais. “As asociacións son unha peza clave da vida social, comunitaria e cultural do Porriño e das súas parroquias. Desde o Concello consideramos fundamental non só informar destas axudas, senón tamén estar ao carón dos colectivos para resolver dúbidas e facilitarlles o acceso a unha oportunidade que pode mellorar notablemente os seus espazos e recursos”, sinalou o rexedor.

Lorenzo subliñou que “estas subvencións permiten acometer investimentos sen necesidade de achega económica propia, o que supón unha oportunidade moi importante para fortalecer o tecido asociativo e repercutir directamente na calidade de vida da veciñanza”.

Cada entidade poderá presentar unha única solicitude, deberá tramitarse exclusivamente por vía electrónica, achegando o acordo do órgano competente da entidade e o resto da documentación esixida nas bases da convocatoria, incluíndo a memoria ou proxecto técnico cando resulte necesario.

Desde o Concello do Porriño reitérase o compromiso de seguir prestando apoio e asesoramento ás asociacións veciñais e entidades sociais do municipio, animándoas a aproveitar esta liña de financiamento que contribúe á mellora das súas infraestruturas, dos seus equipamentos e ao fortalecemento do tecido asociativo local.