O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira Teresa Veloso acompañaron esta mañá ao xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, nunha visita para comprobar o estado dos traballos destas instalacións que contan con 160 usuarios
As actuacións, que estarán rematadas co inicio do curso escolar, inclúen substitución de cuberta, colocación de climatización, reparacións por humidades, novo peche perimetral e obras menores de mantemento das instalacións
O Porriño, 26 de agosto de 2025.- Aproveitando o peche das escolas infantís no mes de agosto, o Concello do Porriño está a acometer unha serie de obras ao igual que tamén se están a executar traballos de mellora no centro de día de Torneiros, cunha inversión total de preto de 80.000 euros. O alcalde Alejandro Lorenzo e a concelleira de Política Social Teresa Veloso recibiron esta mañá ao xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para acompañalo nunha visita de comprobación do estado no que se atopan as obras.
"Aproveitamos o peche estival das escolas infantís para levar a cabo estas melloras tan necesarias, que redundarán nunha maior calidade dos servizos que ofrecemos ás familias do Porriño. A nosa prioridade é garantir espazos seguros, accesibles e confortables tanto para a cativada como para os maiores. A colaboración co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar está a ser clave para avanzar neste compromiso con toda a cidadanía”, aseguraba o alcalde.
A visita desta mañá concentrouse na parroquia de Torneiros, onde se localizan o centro de día de unha das Galiñas Azuis. Nesta última, estase a executar a maior das obras, cun orzamento de 47.790 euros, consistente na substitución da cuberta, deteriorada por un problema continuo de filtracións, e instalación dun equipo de climatizacións. Pola súa banda, no centro de día, co fin de mellorar a seguridade, accesibilidade e funcionalidade do recinto, estase a colocar un novo peche perimetral, que supón unha inversión de 26.250 euros. Ámbalas dúas obras prevense que queden rematadas a vindeira semana, coincidindo, no caso da escola infantil co inicio do curso escolar.
Na Galiña Azul de Doantes de Sangue, no casco urbano, levouse a cabo a impermeabilización das fachadas e reparación interior dos danos causados polas humidades e filtración de auga. Neste caso os traballos, valorados en preto de 5.000 euros, xa están rematados.
A maiores destas obras realizáronse outras menores de mantemento das instalacións e mobiliario, co fin de garantir o bo estado das infraestruturas e ofrecer un entorno máis adecuado e acolledor para os 160 usuarios destes tres centros. Estas actuacións inclúen reparacións eléctricas e de fontanería, revisión e axuste de peches interiores, reposición de mobiliario danado e labores de pintura en distintas estancias.
Desde o Concello do Porriño destacan que estas intervencións forman parte dun plan integral de mantemento e mellora continua das instalacións públicas, especialmente aquelas destinadas á atención á infancia e ás persoas maiores, dous colectivos prioritarios para o goberno local. “Sabemos que o benestar das familias comeza por servizos públicos de calidade. Seguiremos traballando da man doutras administracións para garantir que O Porriño conte con centros ben equipados, modernos e adaptados ás necesidades actuais”, concluíu o alcalde.