A ALCALDESA DE PORRIÑO RECIBE PROTECCIÓN POLICIAL DESPOIS DA MORTE POR ACOITELAMENTO DUN DOS SEUS CANS

A Subdelegación do Goberno ordenou que as Forzas de

Seguridade dean protección policial a Eva García de la Torre, alcaldesa de O

Porriño despois da morte por acoitelamento dun dos seus cans. Aconteceu o

pasado domingo, mentres Eva García atopábase en actos de campaña electoral. O

autor ou autores entraron na súa vivenda particular e mataron a coiteladas unha

cadela. O feito tivo lugar horas despois de que a alcaldesa de Porriño tivera

varias comparecencias en medios de comunicación nas que expresou o seu apoio e

solidariedade ós xitanos zamoranos logo dos sucesos de Torneiros.

A alcaldesa de Porriño fixo hoxe unha declaración para os

medios informativos na que sinalou que “se alguén pretende amedrentarme para

non cumpra coas miñas obrigas e responsabilidades, equivocase. Non vou dar un

paso atrás. Se hai un clan mafioso que pretenda facerme unha advertencia para

que non chame ás cousas polo seu nome, trabúcanse. A miña obriga como alcaldesa

de  Porriño é defender a todos e cada un

dos  veciños con independencia da súa

etnia, relixión, orixe e condición”.

Eva García rematou a súa declaración instando á veciñanza de Porriño a

“confiar na investigación policial que esclareza estes feitos e que estea

tranquila porque vivimos nun pobo traballador, alegre e tranquilo”.